Monday 29 de April de 2024

Manuel Mirás: “un peregrino gasta unha media de entre 315 e 380€ en facer o Camiño Inglés”


O presidente da Asociación de Municipios do Camiño Inglés participará a próxima semana nunha mesa de debate do Fairway sobre a reactivación do Camiño de Santiago

“Un peregrino gasta unha media de entre 315 e 380 euros en facer o Camiño Inglés, polo que é evidente que se trata dun motor de dinamización socioeconómico e cultural dos municipios polos que discorre”. Así se recolle nun estudo demoscópico sobre a demanda turística neste roteiro xacobeo realizado o pasado mes de setembro e que será presentado polo presidente da Asociación de Municipios do Camiño Inglés, Manuel Mirás, no marco do congreso organizado na cuarta edición de Fairway, que terá lugar do 7 ao 9 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago.

Mirás Franqueira participará o luns 8 de outubro, ás 11:30 horas, na mesa de debate “Reactivando o Camiño de Santiago”, que será presentada por Melchor Fernández, coordinador do grupo de investigación GAME- IDEGA. Unha mesa na que se analizará o estado actual dos Camiños despois de máis de ano e medio de pandemia e os cambios que isto supuxo na xestión dos diferentes roteiros.

Neste sentido, Manuel Mirás poñerá en valor o traballo desenvolvido pola Asociación de Municipios do Camiño Inglés, entidade que agrupa a 16 municipios polos que discorre este roteiro xacobeo e que busca “alcanzar o equilibrio entre o desenvolvemento económico e a conservación do Camiño, así como mellorar as infraestruturas do roteiro para facer que a experiencia do peregrino sexa memorable”. Un traballo que queda recollido na comparación dos datos do estudo demoscópico realizado en Sigüeiro (Oroso) en setembro de 2021 e o estudo realizado pola Universidade da Coruña en 2020.

Maior gasto

Desa comparación dedúcese que o gasto medio por peregrino e día incrementouse no último ano, pasando de entre 30 e 60 euros en 2020 aos entre 51 e 75 euros do ano 2021. “Ademais, se en 2020 había un 20% de persoas dispostas a gastar máis de 60 euros e prolongar a súa estancia, este ano comprobamos que esa porcentaxe subiu ata o 24% e que a cantidade que está disposto a gastar crece tamén ata os 75 euros. Isto representa un segmento moi atractivo para o noso territorio”, indica Manuel Mirás.

O estudo demoscópico realizado en Sigüeiro (Oroso) tamén permitiu detectar algunhas lagoas que os peregrinos atopan no Camiño Inglés: falta de infraestruturas de aloxamento, ausencia dunha oferta cultural aberta e sinalizada, así como dunha proposta de actividades ao longo do roteiro. Por iso, a Asociación de Municipios do Camiño Inglés acaba de poñer en marcha este verán a “Rede Stelar”, trinta establecementos turísticos que apostan pola excelencia e a calidade na atención ao peregrino.

Aposta pola excelencia

“Esta rede pretende alcanzar a excelencia no Camiño”, explica Mirás Franqueira, “para o que deben apostar pola calidade na atención ao peregrino e cumprir unha serie de requisitos relacionados coa sustentabilidade, o emprego de produtos agroalimentarios e pesqueiros quilómetro cero, a prevención da Covid-19, a calidade no servizo…”. Nesta primeira fase sumáronse 30 establecementos de restauración e aloxamentos, que ofertan un “Menú Stelar” ao visitante, ben de almorzo, comida ou cea. Un menú que non supón un prezo baixo, “trátase de ofrecer o mellor a un prezo de mercado”, puntualiza o presidente da Asociación de Municipios do Camiño Inglés, que indica que “en próximas quendas abriremos a Rede Stelar a outro tipo de empresas: de lecer e tempo libre, de turismo náutico, artesanía, produtores locais…”.

Outra das lagoas que detectou o estudo demoscópico foi a necesidade de traballar coas Axencias de Viaxes para promover o coñecemento do Camiño Inglés. “Por iso a Asociación de Municipios do Camiño Inglés estará do 7 ao 9 de novembro na cuarta edición do Fairway dentro do gran posto da Deputación da Coruña, á que temos que agradecer todo o apoio que nos está ofrecendo para poñer en valor este roteiro xacobeo. Aproveitaremos o Fairway para contactar con operadores turísticos e empresas de servizos e produtos do Camiño”, indica Manuel Mirás.

Finalmente, Mirás Franqueira sinala que “en Fairway promoveremos o Camiño Inglés como un roteiro descoñecido e indispensable polos grandes puntos de atracción turística polos que discorre: A Coruña, Ferrol, Betanzos, Pontedeume, Santiago… e aproveitaremos a curta duración do Camiño Inglés para apostar por ampliar a estadía dos peregrinos promovendo o que chamamos: Camiño Slow, fomentando destinos de interior e de costa, algo co que non contan outros roteiros”.

A Asociación de Municipios do Camiño Inglés está constituída por dezaseis concellos polos que transcorre este roteiro xacobeo: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela. O Camiño Inglés conta cunha tradición de máis de oitocentos anos, xa que era o roteiro utilizado polos peregrinos do norte e oeste de Europa, que preferían arriscarse a unha travesía de 3 ou 4 semanas en barco a un traxecto de 1 ou 2 anos a pé ata os portos da Coruña ou Ferrol, desde onde camiñaban ata Santiago de Compostela. Actualmente, o Camiño Inglés é un roteiro en auxe que cada vez toman máis peregrinos e que vai aumentando os seus servizos e aloxamentos dedicados ao peregrino.